Feijóo compromete o apoio da Xunta ao oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela
Santiago, 25 de xaneiro de 2013.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu, hoxe, durante unha visita en Santiago ao Museo de Terra Santa, o apoio da Xunta ao oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela que está a piques de comezar e que se prolongará ata 2015.Durante a súa visita, o presidente do Executivo autonómico afirmou que todos os museos fan eterna algunha historia, algunha idea; “e o Museo de Terra Santa –dixo- fai eterna a idea da concordia. Os fondos que aquí repousan son mostra da concordia, da tolerancia e dos nosos alicerces culturais”.
Neste sentido, lembrou que é o noso contacto con milleiros de peregrinos das máis distintas procedencias o que nos converte en xestores do diverso: “Os Camiños a Santiago ou a Xerusalén triúnfan porque non esixen renunciar á propia personalidade, senón que propician unha amalgama de ideas, de culturas onde é fácil sentirse a gusto”.
O titular da Xunta afirmou que ese espírito de entendemento e de convivencia pacífica herdámolo dos nosos antepasados, “pero tamén é certo que nos días de hoxe temos que seguir cultivándoo: no eido político, con éxitos colectivos indiscutibles como o Xacobeo e o Camiño de Santiago; no eido social, grazas á implicación dos galegos, da nosa hospitalidade con todos aqueles que percorren o Camiño; e no eido eclesiástico, que dá seguridade e firmeza á aposta de Galicia por reforzar a nosa condición de centro cultural internacional”.
Feijóo concluíu agradecendo á orde franciscana esa contribución e todas as achegas que teñen feito para que esta cidade e toda Galicia sexan un destino de peregrinación internacional; e animounos a seguir así, aproveitando entre outras oportunidades o oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís.
No hay comentarios:
Publicar un comentario